PANXEA ven de participar na Escola de Outono que a rede “Espacio por un Comercio Justo” celebrou entre os días 8 e 11 de outubro en Almada (Portugal), xunto con 16 organizacións de Portugal, Ecuador, Brasil, Francia e diversos lugares do estado español.
O “Espacio por un Comercio Justo”, do que PANXEA é organización fundadora, é unha rede de 30 organizacións europeas que defenden unha visión alternativa e global do comercio xusto, dende o produtor ao consumidor, ligado á loita pola soberanía alimentar e contra as políticas comerciais da globalización neoliberal.
Entre os temas a debate, falamos da problemática da comercialización de produtos de comercio xusto en época de crise económica e da necesidade de diferenciar mellor a mensaxe das entidades do “Espacio” fronte a outras organizacións de comercio xusto menos críticas co modelo de comercio imperante, e de denunciar a utilización do comercio xusto por multinacionais da distribución que utilizan selos coma FLO para certificar os seus produtos.
O experto brasileño Euclides Mance deu a coñecer as experiencias das redes de colaboración solidaria no Brasil. Michel Besson, da rede francesa MINGA, falou dos procesos de certificación participativa, e a organización indíxena e labrega UNORCAC, de Ecuador, presentou o seu traballo nas comunidades locais no ámbito da soberanía alimentar.
Tamén se decidiu a participación do “Espacio por un Comercio Justo” na “Alianza por la Soberanía Alimentaria de los Pueblos (ASAP)”, ademais da difusión de diversos materiais relacionados co comercio xusto e a soberanía alimentar.
Xa tedes a disposición o vídeo-resumo das xornadas.
Tags:
Economía solidaria,
Espacio por un Comercio Justo,
soberanía alimentar