A partires desta semana, os socios e socias da cooperativa xa podedes mercar a través de PANXEA, ademais de toda a variedade de produtos da tenda, produtos de agricultores locais asociados no que antes era o Proxecto Amorodo, hoxe asociación Lentura.
Se queres coñecelos algo mais, aquí tedes o vídeo que fixo o programa Labranza, da Televisión de Galicia sobre a súa experiencia.
Ola amigos e amigas, queremos comunicarvos que PANXEA, Asociación para o Comercio Xusto e Solidario de Santiago de Compostela desde o ano 1995, INICIA UNHA NOVA ETAPA.
O vindeiro sábado constituirémonos como Cooperativa de Consumidores para continuar coa nosa liña de traballo no comercio xusto. En pouco tempo estrearemos o novo local na rúa da Rosa e ampliaremos as actividades. Ademais, introduciremos produtos ecolóxicos e locais na procura da soberanía alimentaria.
Invitámosvos a participar na Asemblea Constituinte da Cooperativa co fin de informarvos das características da mesma e se queredes, formar parte dela como socios ou socias dende o principio. A Asamblea será o Sábado, 6 de Febreiro de 2010 ás 17:00h da tardiña en Sargadelos (Rúa Nova, Santiago)
Para calquera dúbida ou aclaración os teléfonos de contacto son os seguintes: 649.350.628 (Gonzalo) e 639.441.965 (Vicente).
A proposta de Estatutos para a Cooperativa podedes consultala na seguinte entrada (xusto debaixo)
O mércores día 29 de abril, e dentro das actividades que PANXEAorganiza co gallo do día internacional do Comercio Xusto (próximo 9 de maio), dende as 20:00 horas no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa Frei Rosendo Salvado nº 14-16, ao pé da Praza Roxa), teremos entre nós a Carmen Ruiz, socia da Cooperativa Artesana de producción Agrícola “El Rosal”, na zona de Intag, cantón de Cotacachi, Ecuador.
Carmen é unha militante activa pola soberanía alimentar, o medio ambiente, o empoderamento da muller e a creación de tecido social, que xunto coas súas compañeiras e compañeiros levan anos de loita contras as empresas transnacionais da minería do cobre que pretenden devastar a reserva natural de Cotacachi-Cayapas, un dos lugares con máis biodiversidade e variedade de ecosistemas de sudamérica.
Agardamos a vosa presenza a partires das 20:00h. no Centro Sociocultural do Ensanche, onde poderemos coñecer de primeira man experiencias de autoxestión de mulleres no sur para facer fronte a depredación de recursos, culturas e poboacións, e en defensa da súa terra. Ao remate convidaremos a un café (de Ecuador) con leite (galega, por suposto) aos asistentes.