Que é o comercio xusto?
O Comercio Xusto é un movemento que naceu en Holanda a finais dos anos 60 do século XX, despois da “1ª Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento” celebrada en Xenebra en 1964, onde os países do terceiro mundo reivindicaban unha nova forma de relacionarse coas súas ex-metrópoles co lema “comercio, non axuda”.
O que pretende o Comercio Xusto é acadar un novo xeito de relación comercial baseada na equidade nos intercambios, no respecto ás persoas, ao medio natural e ás culturas, garantindo o pago dun prezo xusto polos produtos locais e polos de lonxe, e o respecto a unha serie de principios.
O Comercio Xusto busca un cambio social que ten como outra cara da moeda o consumo consciente e responsábel.
Relacións baseadas na confianza, a transparencia e responsabilidade
1. Os produtores/as: son agrupacións de pequenos agricultores ou artesáns que distribúen colectivamente as tarefas de organización, producción e recursos dun xeito respetuoso co seu entorno e cultura.
2. As organizacións importadoras encárganse de velar polo correcto funcionamento da produción nos países de orixe, establecen liñas de crédito e pago por adiantado, e proporcionan formación e asesoramento técnico e de xestión aos produtores.
3. As tendas e asociacións poñemos a disposición do público os produtos agrícolas e artesanais que chegan ata nós a través destas canles, e promoven a formación e a información, así como a vida asociativa arredor da economía solidaria e do consumo consciente e responsable.
4. As persoas que consomen de xeito responsable: son persoas que ao elixiren Comercio Xusto engaden un valor ético ás súas compras e contribúen a que a produción e o intercambio comercial estean ao servizo das persoas.
Principios do Comercio Xusto.
- Salarios e condicións de traballo dignas.
- Ausencia de explotación laboral infantil.
- Igualdade entre home e muller.
- Relacións a longo prazo e pago de parte do prezo por adiantado.
- Aposta polos circuítos curtos de comercialización e polos produtos locais e de tempada.
- Funcionamento participativo e democrático das organizacións.
- Reinversión de parte dos beneficios sobre as propias comunidades.
- Respecto polo medio ambiente en toda a cadea (produción, transformación, envasado, transporte e comercialización).
- Produtos de calidade.
- Información ao consumidor e transparencia en toda a cadea
Por se che pode ser de axuda, aquí tes unha explicación mais gráfica: “O Comercio Xusto é …”
Entradas (RSS)