Quen somos?

A asociación para o comercio xusto e solidario “PANXEA” naceu coma unha asociación sen ánimo de lucro en Santiago de Compostela no ano 1995. En febreiro do ano 2010 constituimos a Cooperativa de Consumidores e Usuarios que será a que se encargará da tenda que temos no local da Rúa da Rosa, nº 36, baixo, en Santiago de Compostela.

Os espazos principais de actividade de “PANXEA” son a sensibilización e a participación activa en diversas iniciativas de economía alternativa, social e solidaria, especialmente as relacionadas co Comercio Xusto e o Consumo Responsábel, dende a perspectiva da Soberanía Alimentaria. Para iso traballamos para impulsar cambios que, dende o pequeno e o local, vaian mudando as estructuras a prol da xustiza social, ecolóxica, de xénero, e nas relacións comerciais Norte-Sur, pero tamén Sur-Sur e Norte-Norte, promovendo igualmente a paz e o desenvolvemento sustentábel.

Este traballo fíxonos merecentes de ser galardoados co premio Vagalume 2006, que outorga o Concello de Santiago en recoñecemento ao esforzo de “PANXEA” na difusión do comercio xusto, o consumo responsábel e a economía social en Compostela.

Cremos especialmente no traballo en rede, e por iso, “PANXEA” é parte activa, ademais de na Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos, da Rede Galega de Consumo Consciente e Responsábel, da Comisión de Comercio Xusto da Coordenadora Galega de ONGD´s, de Fiare Galiza, e a nivel estatal e ibérico, forma parte do “Espacio por un Comercio Justo”.

O noso funcionamento é democrático, aberto e participativo. Ademais da Asemblea Xeral Anual, hai asembleas semanais abertas todos os mercores ás 20:30 no local da tenda (consulta a axenda). Tamén poñemos á túa disposición os nosos Estatutos actuais.

Los comentarios no están permitidos.