“Na cooperativa La Reforma preparamos o mellor café do mundo para vostedes. Traballamos duro todo o ano, especialmente os dous meses da recolección”
Guadalupe en Panxea co café de Espanica que elas producen
Cando mercamos café de Nicaragua de Espanica estamos recibindo, entre outros, os esforzos das 50 familias da cooperativa La Reforma. Grazas a Gira por el Desarrollotivemos a sorte de que Guadalupe del Carmen, que é a presidenta de La Reforma, nos contase en primeira persoa o traballo que hai detrás dunha taza de café. Moito. Moistisimo.
La Reforma vende o 60% da súa produción como comercio xusto a Espanica, aínda que lles gustaría que fose o 100% . Guadalupe explicounos como o pago digno polo seu traballo está a incidir na mellora real das condicións de vida da súa comunidade.
Eles pola súa parte fan unha aposta pola produción ecolóxica, aínda que lles supón unha baixada de productividade que compensan coa calidade do producto. Un café de altura, cultivado en sombra e totalmente ecolóxico. E como di Guadalupe cultivado con cariño por toda a comunidade. O mellor café do mundo.
O vindeiro xoves día 17 de xuño ás 20:00 horas, no local social de PANXEA (Rúa A Rosa, nº 36 baixo, Compostela) teremos unha charla coloquio con Carlos Osejo e Guadalupe del Carmen, membros de organizacións de produtores e comercializadores de café en Nicaragua que colaboran con Espanica, organización de comercio xusto coa que PANXEA colabora dende hai anos.
Será unha boa oportunidade de coñecer de primeira man tanto a realidade nicaragüense coma a experiencia de grupos de produtores e produtoras que traballan dende unha perspectiva de comercio xusto que engloba tanto a produción e comerclización do seu café como na loita por unha transformación social na súa realidade.
Estades todos e todas convidados (e haberá café, de Espanica, por suposto).
A partires desta semana, os socios e socias da cooperativa xa podedes mercar a través de PANXEA, ademais de toda a variedade de produtos da tenda, produtos de agricultores locais asociados no que antes era o Proxecto Amorodo, hoxe asociación Lentura.
Se queres coñecelos algo mais, aquí tedes o vídeo que fixo o programa Labranza, da Televisión de Galicia sobre a súa experiencia.
A ISAP (Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos), da que PANXEA forma parte, organiza para Sábado 10 de Abril en Santiago de Compostela unha feira e un xantar agroecolóxico pola soberanía alimentar e contra os transxénicos. Estes actos enmárcanse na Semana Estatal de Luita Contra os Transxénicos convocada por Plataforma Rural e Greenpeace, que concluirá 17 de Abril cunha manifestación estatal antitransxénicos en Madrid.
A Feira será de 10:00 a 14:00 horas na Praza do Toral. Nela haberá postos de produtos agroecolóxicos locais e de asociacións que traballan pola soberanía alimentar dos pobos.
O Xantar será oferecido ás 14:30 pola asociación de labreg@s Lentura no local da Troita Armada (Rúa do Pombal 18) cun prezo aproximado por persoa de 12 €. Para o xantar cumpre apontarse no enderezo-e info(a)soberaniaalimentar.info até 6 de Abril indicando se se prefer menu vexetariano ou se se padece algunha intolerancia alimentar.
Os días 27 e 28 de Febreiro celebraranse en Santiago de Compostela as Xornadas Galegas de Soberanía Alimentar, organizadas pola ISAP (Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos), da que PANXEA forma parte. Será no Salón de Actos da Faculdade de Filosofía da USC, situada na Praza de Mazarelos. Nesta Praza, ademais, haberá unha Feira pola Soberanía Alimentar o domingo 28, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O programa completo das xornadas é o seguinte:
Sábado 27 de Febreiro de 2010
10:00 h. Apresentación das Xornadas e da ISAP
10:30 h. Palestra: Soberanía Alimentar: Democratizando a Alimentación
Carme Freire (SLG), Paul Nicholson (EHNE)
12:00 h. Mesa Redonda: Vivir da Terra
Charo Sánchez (O Grelo Verde), Fuco Barreiro (Monte Cabalar), Antonio Carral (O Alle)
14:00 h. Pausa para xantar
16:30 h. Palestra: Interferencias Globais Norte-Sul e Soberanía Alimentar
Mónica Vargas (ODG – Observatorio de la Deuda en la Globalización)
18:00 h. Palestra: Construíndo Soberanía Alimentar en América Latina: A experiencia de Chile
Florencia Aróstica (ANAMURI – Asociación Nacional de Mujeres Rurales e Indígenas)
Domingo 28 de Febreiro de 2010
10:30 h. Palestra: Enfriando o Planeta: Soberanía Alimentar e Mudanza Climática
Ferrán Garcia (VSF/No Te Comas el Mundo)
12:00 h. Mesa Redonda: Vivir do Mar
Emilio Louro (Mar de Lira), Representante da Confraría de Cangas, Fermín Fernández (Algamar)
14:00 h. Pausa para xantar
16:30 h. Palestra: Construíndo Soberanía Alimentar en África: A experiencia de Mozambique
Luís Mário Muchanga (UNAC – União Nacional Camponesa)
18:00 h. Mesa Redonda: Vivir sen Devorar: Situación e Retos do Consumo Responsábel en Galiza
Proxecto Amorodo/Lentura, Rede Galega de Consumo Consciente e Responsábel
Un ano mais, PANXEA participou activamente co seu “stand” na celebración da 6ª edición da Feira Ecolóxica de Arzúa, Terr@ctiva, os días 17 e 18 de outubro xestionada pola cooperativa de xestión e promoción cultural Coper@ctiva.
Terractiva, Festival de alternativas, calidade de vida, expresión artística e cultural, defensa da diversidade, sitúase como unha experiencia pioneira destas características no Estado, orientada a dar cobertura á demanda existente e á escasa oferta de eventos culturais desta índole no noso país, e trata de buscar novas solucións para os baleiros culturais, e á vez fomentar a conservación do equilibrio ecolóxico do noso planeta.
Se queredes mais información sobre como foron as xornadas premede aquí: “Terractiva”
Dentro da nova etapa que queremos abrir en PANXEA e sempre dacordo coa liña de apoiar iniciativas de soberanía alimentar que poñan en relación a pequenos produtores/as e a consumidores/as, presentámosvos hoxe unha iniciativa que parte do Sindicato Labrego Galego e que consiste nunhas Xornadas de Debate que baixo o título “ConSUMA Responsabilidade” pretenden comezar a falar sobre consumo responsable e circuitos alternativos de comercialización e de buscar novas vías de achegamento produtores/as-consumidores/as da contorna de Compostela.
A xornada celebrarase no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa Frei Rosendo Salvado, nº 14-16, baixo), o vindeiro venres 16 de outubro entre as 19:00 e as 21:30 horas, e dado que o aforo é limitado (30 persoas) pedímosvos que vos anotedes previamente contactando co SLG (981588532) ou en PANXEA.
PANXEA, como membro da RA! súmase á semana “branca” de mobilizacions en apoio ao sector leiteiro que terá lugar dende o día 13 ao 17 de xullo, reivindicando a fixación dun prezo mínimo para o leite, a garantía da súa recollida e a modificación das actuais políticas agrarias estatais e europeas.
Como non temos tractor, tamén nos mobilizamos co noso tractor virtual de apoio.
Na liña de soberanía alimentar e comercio xusto no norte e no sur que PANXEApromove, temos o pracer de comunicarvos que xa podedes disfrutar na tenda da nova liña de conservas, confituras, marmeladas, e produtos ao natural de produción local (galega) que incorporamos hai pouco.
A empresa que nos suministra chámase Amorodo , e é unha pequena empresa de transformación de produtos de agricultura ecolóxica da comarca de Terra de Montes.
Presentámosvos hoxe o documental “De la mata a la olla“, que cun ar positivo e lúdico amosa as nefastas consecuencias que a extensión dos supermercados ten sobre a nosa alimentación, os labregos e labregas do sur e do norte, o comercio local, a precarización do emprego, …
e tamén como en moitos lugares (Ecuador, México, Cataluña, …) a xente comeza a organizarse para propor novas e mellores alternativas baseadas na soberanía alimentar para acceder á compra diaria.